Libros en galego

-O que fixeron en Galicia 1936.
-Autor: Carlos Pereira Martínez
-Editorial: O Fardel da Memoria
A grande asignatura pendente da nosa historia contemporánea é sen lugar a dúbidas o estudo da represión desatada en Galicia desde xullo de 1936. Unha circunstancia que ten a súa orixe e responsabilidade no abandono desta crucial etapa por parte do segmento de historiadores académicos que, desde a universidade, fustraron de xeito deliberado liñas de investigación sobre a acción represiva franquista. Unha eiva que obriga á recuperación das primeirizas crónicas do terror publicadas colectiva e anonimamente desde o exilio arxentino por un solvente e activo grupo de intelectuais antifascistas galegos (Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Maruxa Mallo, Federico Ribas, Eduardo Blanco Amor, Xosé Suárez, Emilio Pita...) baixo o título de O que fixeron en Galicia. Un libro composto a partir de testemuños de primeira man que denuncian, con nomes e apelidos, os protagonistas daqueles actos de barbarie que asolaron cidades, vilas e aldeas do noso país e que significaron o exterminio dos máis destacados líderes obreiros, republicanos e galeguistas ata debuxar unha realidade de mortes, cárceres e exilios que é imprescindíbel resgatar para a nosa memoria.

No hay comentarios:

Publicar un comentario